Catro mortes notificadas na última xornada elevan a 720 o total de falecidos en Galicia
• Falece unha muller en Ourense e dous homes na Coruña e Santiago
• Notifícase a morte na xornada de onte dunha persoa na residencia de maiores Orpea Coruña
• Lugo e A Coruña son as áreas que máis descenden en casos activos

Nas últimas horas faleceron dúas persoas que foran diagnosticadas por coronavirus: un home de 88 anos, que faleceu no seu domicilio na área sanitaria da Coruña, e outro varón de 88 anos, que estaba hospitalizada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, ambos con patoloxías previas.
Ademais, esta mañá faleceu unha muller de 87 anos no Complexo Hospitalario de Ourense que presentaba patoloxías previas. Esta morte non estaría vencellada a ningunha residencia.
Sanidade tamén notifica hoxe unha morte na xornada de onte vinculada coa residencia de maiores Orpea Coruña, en Culleredo.
Tras sumarse estas mortes, ascende a 720 a cifra total de falecidos por coronavirus en Galicia. Desde o 7 de agosto faleceron 101 persoas.
Por outra banda, Galicia rexistra este luns 4.304 casos activos, segundo os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 46 casos activos menos ca onte. Ademais, hai 194 novos contaxios.
O repartimento dos casos activos por áreas sanitarias sería o seguinte:
• 1.148 (-30) na Coruña
• 689 (-37) en Lugo
• 541 (+14) en Ourense
• 667 (+9) en Pontevedra
• 457 (+17) en Vigo
• 625 (-12) en Santiago
• 177 (-7) en Ferrol
No tocante a hospitalizacións, hai 32 (+3) persoas na UCI, 211 (+4) en unidades de hospitalización e 4.061 (-53) en seguimento domiciliario. Curaron 16.995 persoas en Galicia dende o inicio da pandemia e realizáronse 431.081 probas PCR.