CRTVG

Buscar

Dúas granxas de frisoa de Lugo, entre as tres mellores de España

Publicado o 14/01/2020 20:33

Dúas das tres mellores granxas de frisoas de España encóntranse na provincia de Lugo, segundo a lista que acaba de elaborar a Confederación Nacional de Frisoa Española, 

En cabeza sitúase unha explotación de Sarria, mentres que o terceiro posto no podio corresponde a unha granxa de leite de Barreiros. 

A familia Dorado, de San Xusto de Barreiros, leva 30 anos dedicándose con esmero á cría de gando frisón. O recoñecemento ao seu labor chégalle agora, ao figurar no terceiro posto en todo o ámbito estatal na primeira lista oficial elaborada pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española.

Saúl Dorado, gandeiro: "Para nós é unha satisfacción e un orgullo, porque é un premio a nivel de toda España, onde hai moitas granxas inscritas en control leiteiro. É o resultado de moitos anos de traballo e de selección xenética, de manexo na estabulación, de moitos investimentos que levan feito e de modernización".

Ademais da xenética e do manexo do gando, para elaborar esta clasificación tamén se teñen en conta o benestar animal e o nivel de confort das instalacións, que neste caso contan con ventilación e cepillo automatizados e mais con chan de goma.

Saúl Dorado, gandeiro: "Tense en conta a media de puntos das vacas, o que está directamente relacionado coa súa xenética e co seu manexo no día a día. Teñen que ter bos xenes e á parte hainas que coidar e manexar moi ben todos os días para que elas evolucionen ben e cheguen a facerse vacas moi boas e produzan leite durante moitos anos".

Se o terceiro posto recaeu na granxa Mantoño Holstein de Barreiros, a explotación que encabeza o podio é tamén lucense. Trátase da sarriá Baixo Holstein.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2020