Dúas familias con nenos vanse asentar na antiga escola unitaria de Trabada
Trabada vai ter novos veciños a partir de setembro. Dúas familias atenderon a petición do Concello, que precisaba cativos de entre 3 e 6 anos para manter a aula de infantil. As casas en que van vivir de balde xa están preparadas, e os veciños, encantados.
Dúas antigas escolas unitarias rurais van ser as vivendas das familias que a partir de setembro se van asentar en Trabada. O concello buscaba chegar a ter censados 6 cativos de entre tres e seis anos de idade para poder manter a aula de educación infantil, xa que só había dous posibles alumnos. A oferta de vivenda gratuíta e escolarización dos cativos seduciu unha familia de Guadalaxara e outra oriúnda do Senegal. Os veciños das parroquias de Sande e Trabadela están encantados de recibir estes novos habitantes.
"Moi boa iniciativa. Sempre fai falta xente nova e para nós é unha alegría".
"Ímoslles dar unha boa acollida porque é moi positivo que veñan familias e cativos".
Agora hai confianza en que os pais e nais poidan atopar traballo pola zona nas explotacións gandeiras, nas empresas madeiristas ou en calquera outro sector.