CRTVG

Buscar

Dúas asociacións de defensa dos animais levarán a Bruxelas o trato aos cabalos nas rapas

Publicado o 26/07/2019 12:45
Dúas asociacións de defensa dos animais levarán a Bruxelas o trato aos cabalos nas rapas

A asociación animalista Libera! e a Fundación Franz Weber prevén dirixir unha batería de preguntas ao Parlamento Europeo, a través dun eurodeputado do grupo Verdes/ALE, sobre o trato dispensado aos cabalos nas rapas e a pervivencia destas prácticas en Galicia.

Ambas asociacións consideran "inadecuado" o trato aos cabalos, "baixo un suposto criterio gandeiro" de saneamento e control co que "se seguen publicitando" estas actividades que "se converteron nun espectáculo, nalgúns casos de pagamento e con patrocinios públicos e privados", segundo indican nun comunicado.

Avanzan que a Comisión Europea podería chegar a "obrigar" as autoridades galegas a "tomar medidas" para regulamentar, en caso de ser unha actividade lucrativa e recreativa, as futuras convocatorias, ou ben, se considera que é unha actividade de gandería, esixir o cumprimento das directivas sobre benestar animal.

Estas dúas ONG denuncian o uso de medicamentos veterinarios "sen ningún tipo de intervención profesional", onde se administran desparasitadores "de maneira errática", sen datos como o estado de saúde do cabalo ou o seu peso, e "sen ter en conta" que algúns destes produtos indican a súa perigosidade para o ambiente.

A iniciativa no Parlamento Europeo súmase ás peticións que Libera! e Fundación Franz Weber realizaron nos últimos meses, como a reivindicación dunha lei de protección equina en Galicia que estableza límites ás rapas e que vete o uso de cabalos en actividades como os carruseis ou as carreiras.