CRTVG

Buscar

Dúas aldeas de Paderne de Allariz levan un mes practicamente incomunicadas

Publicado o 13/11/2017 14:06

Dende aquela, dende os incendios, hai case un mes, dúas localidades do concello ourensán de Paderne de Allariz aínda están sen teléfono. O 15 de outubro o lume arrasou boa parte da rede eléctrica. E desde aquela, malia as reclamacións continuas que fan, non conseguiron que a compañía telefónica lles restablecera o servizo. Aínda por riba, nesa zona os móbiles case non teñen cobertura.

San Cristovo e San Salvador de Mourisco, dúas pequenas poboacións do concello ourensán de Paderne de Allariz, non teñen servizo teléfonico desde o 15 de outubro pasado. Un incendio que, ademais das hectáreas arrasadas en todo o municipio, queimou tamén a rede telefónica. O resto de núcleos de poboación do municipio xa recuperou o servizo agás nos casos destas dúas localidades.

Unha solución alternativa sería a de empregar os teléfonos móbiles. Pero no caso da aldea de San Cristovo, distante nove quilómetros da capital municipal, apenas hai cobertura. Os veciños demandan o urxente arranxo da liña tendo en conta as numerosas persoas maiores que residen na localidade e que dependen do teléfono fixo para poder comunicarse. Tampouco teñen servizo de Internet o que impide aos rapaces realizar os traballos que se lles demandan desde as escolas e institutos.

O problema afecta a todalidade da localidade de San Cristovo e a metade da de San Salvador de Mourisco, En total medio centenar de liñas fixas que, pasadomañá mércores, cumprirán un mes sen servizo telefónico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/11/2017