CRTVG

Buscar

Draghi atrae os euroescépticos en Italia para formar goberno

Publicado o 06/02/2021 17:03

Os líderes do Movemento Cinco Estrelas e da Liga saíron satisfeitos das súas reunións con Mario Draghi, o exbanqueiro que ten o encargo de formar Goberno en Italia, que avanza no seu propósito de formar un executivo de unidade.

En poucas horas, Draghi logrou o que ninguén podía imaxinar ata hai uns meses e abre a política a un cambio de paradigma. Reservou as reunións máis complicadas para a última xornada, convocou os dous partidos que durante anos pregoaron contra o euro e contra Bruxelas, como son a Liga de Matteo Salvini e o Movemento Cinco Estrelas, formación fundada por Beppe Grillo.

Os "grillinos", convertidos nunha forza de estabilidade amósanse dispostos a apoiar o novo Goberno sempre que se respecten ideas fundacionais do grupo como o ambiente e non se debilite a renda cidadá. O M5S deberá agora convencer unha ampla parte da militancia e mesmo é posible que precise someter á votación entre os seus a decisión.

Máis sorprendente é a postura da Liga tras a reunión dun Salvini irrecoñecible con Draghi. Asegura que non lle vai poñer condicións para apoialo despois dun debate sobre temas e a idea de Italia. Di que está contento que no centro estea o desenvolvemento, o crecemento, a obra pública, que é o que precisa o país. Salvini está disposto a entrar no executivo sen condicións de persoas, ideas ou movementos. Draghi debe de realizar unha segunda rolda de reunións a próxima semana.

Non hai dúbidas de que debe de formar un Goberno híbrido entre técnico e político. Fontes de Italia Viva, o partido que impulsou o nomeamento de Draghi abrindo a crise de Goberno, aseguran que vai supoñer un cambio histórico na maneira de facer as cousas.
 

Noticias web

06/02/2021