CRTVG

Buscar

Dous veciños de Sarria falecen nun accidente na vía entre Lugo e Monforte

Publicado o 09/10/2018 14:23

Son imaxes do accidente en que morreron dous veciños de Sarria de 49 e 58 anos de idade. O sinistro produciuse na vía de altas prestacións que une Lugo e Monforte, á altura do concello do Páramo. Dous turismos bateron frontalmente nunha zona recta e onde aparentemente hai boa visibilidade, se ben o accidente tivo lugar cando xa era noite.

O impacto tivo que ser moi forte se temos en conta como quedaron os vehículos. Un deles ardeu por completo calcinando tanto o corpo do condutor coma o do can que levaba con el. O outro turismo tamén quedou moi danado de xeito que os bombeiros de Sarria tiveron que cortar a estrutura para poder retirar o corpo do home falecido e o da súa acompañante. A muller foi trasladada en estado grave ao hospital Lucus Augusti, onde permanece ingresada.

O accidente obrigou a cortar o tráfico nesta estrada, que é unha das máis transitadas da provincia, e a desvialo pola antiga vía Lugo-Sarria. O traballo dos bombeiros viuse dificultado tanto pola escuridade coma polo mal estado en que quedaron os vehículos. Nos labores de extinción do turismo que ardeu utilizaron abundante auga. Dado que os bombeiros e os equipos sanitarios comprobaron que non se podía facer nada polo ocupante do vehículo queimado, os seus esforzos concentráronse en liberar o condutor e a acompañante, tamén veciña de Sarria, do outro turismo. O cadáver do home calcinado estaba en tan mal estado que foi preciso indagar a través da matrícula do coche para poder identificalo.

O último accidente mortal nesta vía de altas prestacións producírase no mes de agosto. Daquela falecera un home de 36 anos ao bater frontalmente contra un autocar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2018