CRTVG

Buscar

Morren dous irmáns de 5 e 8 anos no accidente dun autobús en Navarra

Publicado o 18/01/2020 09:47

O fatal accidente acontecía pasadas as oito da tarde de onte na localidade de Estella, Navarra.
O condutor do autobús procedente de Logroño, da compañía La Estellesa, perdía o control do vehículo, que sufría aparentemente un fallo no sistema de freado. O condutor cando se decatou de que o vehículo non tiña freos avisaba os pasaxeiros da situación e pedíalles que se suxeitasen ben.

O bus comezaba entón a circular sen control. No seu percorrido chocou contra unha tenda a carón dunha gasolineira, contra a que espetaba tamén un coche. O autobús seguiu circulando e atropelou un peón e detívose tras golpear unha quincena de vehículos que estaban estacionados.

Como consecuencia do accidente, perdían a vida dous menores: unha nena de 8 anos, que falecía no acto, e seu irmán de cinco. O pequeno nun primeiro momento resultara ferido moi grave e fora ingresado no hospital García Orcoyen de Estella e posteriormente trasladado ao Complexo Hospitalario de Navarra. Falecía durante a noite. A súa nai, de 41 anos e veciña de Ayegui, coa que viaxaban no coche alcanzado, está ferida de gravidade e permanece hospitalizada.

A localidade de Ayegui, onde residían as vítimas, e o de Estella, onde aconteceu o sinistro amosaban a súa consternación polo acontecido. Decretaban tres días de loito oficial.

O codutor do autobús, de 36 anos e veciño de Pamplona, resultou ileso. Un dos pasaxeiros, un mozo de 17 anos, sufriu feridas leves. O resto de usuarios da liña non experimentaron danos.

Unha muller que camiñaba pola rúa, de 34 anos, e que foi atropelada, quedou ferida grave.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/01/2020