CRTVG

Buscar

Dous mozos mortos e dous feridos tras caer o seu coche ao mar no peirao de Muros

Publicado o 28/08/2021 15:09

Un guindastre conseguía recuperar sobre a unha do mediodia o vehículo que se precipitou esta madrugada ao peirao da vila de Muros, incidente que se saldou con dous mozos falecidos e outros dous feridos leves con índicios de hipotermia. O accidente aconteceu nun lateral das intalacións portuarias cando por causas que se están a investigar o coche precipitábase ao mar cos seus ocupantes no interior.

Segundo Miguel Soldán, Capitán Xefe do Subsector Tráfico da Coruña, os mozos "estaban estacionados no peirao, comezaron a marcha e a partir de aí o coche apareceu na auga. Non sabemos se foi un envorcamento en tonel, se marcha atrás. Aquí hai catro metros de profundidade e o resultado son dous falecidos e dous feridos leves".

Dous dos mozos conseguiron saír á superficie abrindo a xanela traseira. Os outros dous faleceron malia os intentos do equipo médico por reanimalos. Ous dous falecidos son veciños do lindeiro concello coruñés de Serra de Outes. No momento do accidente unha testemuña e despois membros do GES de Muros conseguiron sacalos do interior do vehículo somerxido, onde quedaran atrapados, pero falecian pouco despois no lugar do suceso.

"Cando chegamos -relata Ramón Lago, responsable do GES de Muros- había un señor que fixo todo o que poido, baixou ao mar, saíron as dúas persoas que estaban con vida, e rescatamos aos dous que agora mesmo están falecidos".

Mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil achegáronse á zona para tentar esclarecer as causas que provocaron a caída do vehículo ao mar. O sinistro ocasionou unha profunda conmoción na vila onde os falecidos eran moi coñecidos entre a xuventude local.

Noticias web

28/08/2021