CRTVG

Buscar

Dous mozos aceptan cinco anos de cadea por intentar matar un rapaz nun bar da Coruña

Publicado o 13/09/2017 21:13

Cinco anos de cadea e unha indemnización de máis de 76 mil euros é a pena que aceptaron dous mozos acusados de intentar matar un rapaz no interior dun bar da Coruña. A vítima intentou impedir unha agresión e recibiu un par de coiteladas.
Estes mozos estaban acusados dun delito de homicidio en grao de tentativa. Aconteceu na madrugada do 21 de marzo do 2016. Daquela, segundo o escrito da acusación, o procesado atopouse na porta dun bar das Atochas co ex-mozo da súa parella, co que tivo un mínimo incidente. Sen máis, engade, chamou por teléfono á moza, de 19 anos, e pediulle que lle levase un obxecto punzante. Aos poucos minutos, presentouse no local con dúas armas brancas e ambos os dous dirixíronse cara o ex-mozo da rapaza, pero a vitima, cando chegaron á súa altura, intentou mediar para que marchesen do bar. Foi entón, sempre segundo o escrito do Ministerio Fiscal, cando lle asestaron dúas coiteladas, unha no tórax e outra no ombro dereito. Despois, marcharon. O Fiscal subliña que a vítima, de non ser operada de urxencia, falecería. A Fiscalía acusábaos dun delito de homicidio en grao de tentativa e pedía para cada un deles oito anos e medio de cadea e unha indemnización de 50 mil euros.Pola súa banda, a acusación particular cualificaba os feitos como un delito de asasinato en grao de tentativa e pedía 12 anos e medio para cada un deles e unha indemnización de 76.500 euros. Finalmante, as partes chegaron a un acordo.
Da indemnización total terán que descontar os 15 mil euros que esta mesma mañá aboaron en concepto de reparación do dano.
A sentenza foi declarada firme.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/09/2017