CRTVG

Buscar

Dous mortos e un hospitalizado na UCI, pola vaga de calor en España

Publicado o 28/06/2019 20:49


A vaga de calor que atormenta gran parte dos españois xa causou dúas vítimas mortais. Un home de 93 anos caeu redondo nunha céntrica rúa de Valladolid. O outro falecido é un rapaz de 17 anos que estaba segando no campo. Sentiuse mareado e meteuse nunha piscina da parcela e cando saíu, comezou a convulsionar. O rapaz chegou a mediodía ao Hospital Raíña Sofía e morreu de madrugada.

Ademais un home de 45 anos, tamén traballador do campo, continúa ingresado na UCI dun hospital de Murcia, con síntomas provocados polas altas temperaturas. Aínda que hai poboacións de risco, nenos, maiores, doentes crónicos e mulleres embarazadas, os expertos lembran que ninguén está a salvo dun golpe de calor, e que en contra do que pensamos, non hai suor. Segundo os sanitarios, o que notamos é unha calor interna, mareos e mesmo algo de inconsciencia.

A previsión situaba este venres como o día máis crítico con temperaturas que superan os 42 graos en moitas localidades do país. De Madrid a Cataluña, de Andalucía ás Baleares ou de Aragón a Euskadi. Poucos se libran desta calor abafante. Hidratarse moito e permanecer na casa nas horas punta, seguen sendo os mellores consellos.

Este sábado continuarán con alerta vermella provincias como A Rioxa, Navarra, Lleida, Tarragona e todas as de Aragón. O domingo xa desaparecerán estos avisos vermellos, e a situación tenderá a normalizarse.

Noticias web

28/06/2019