CRTVG

Buscar

Dous mil veciños do Pereiro de Aguiar están sen auga potable polos temporais

Publicado o 18/12/2020 14:52

Dous mil veciños do concello ourensán do Pereiro de Aguiar non poden consumir a auga da traída porque non cumpre os parámetros sanitarios. A causa está nas borrascas dos últimos días. 

A parroquia de Melias é unha das catro afectadas. O concello, a través de Protección Civil, e as propias asociacións de veciños subminístranlles auga embotellada para o consumo doméstico, a domicilio para os que teñen máis problemas de mobilidade, e en puntos de recollida coma este, na casa consistorial.

José Antonio Barro, voluntario de Protección Civil do Pereiro de Aguiar: "Non temos ningún requisito: achegarse ao punto e dicir cantos conviven na familia. De momento démoslles unha cantidade para un día e hoxe outra vez".

Hai dous mil veciños afectados: catro parroquias completas e algún núcleo illado, todos os que reciben a auga desta captación do río Miño, incluídos un colexio e unha escola infantil. Aínda que non se vexa toldada, a auga da billa non se pode consumir porque non cumpre os parámetros de turbidez indicados por Sanidade.

A empresa concesionaria do servizo realiza medicións constantes da turbidez, que non debe ser superior a 6. Xa mellorou, pero con altibaixos, polo que aínda non é apta para o consumo.

Marian Mazaira, responsable de calidade das augas de Viaqua: "Risco para a saúde? Home, se a bebes con sete, podes ter unha pequena diarrea, que non debería porque está desinfectada, pero como eu non podo garantirlle a hora en que terá sete, prefiro dicir: ata que teña un valor estable, non se bebe".

Calculan que a situación quedará solucionada ao longo da fin de semana sempre e cando non se produzan novos arrastres.

Noticias web

18/12/2020