CRTVG

Buscar

Dous mil veciños de Muros, de entre trinta e cincuenta anos, están chamados a realizar un cribado para atopar casos de covid-19

Publicado o 31/10/2020 14:56


O centro de saúde de Muros amosaba dende primeiras horas desta mañá unha trasfega de veciños que ían participar no cribado para comprobar a incidencia do coronavirus neste concello coruñés.

Uns dous mil muradáns, de entre trinta e corenta e nove anos, están chamados a participar esta fin de semana neste filtrado organizado despois de que se detectara unha suba de casos nos que non é posible seguir a cadea epidemiolóxica. A media mañá un noventa por cento dos citados acudiran a facer a proba, que describían así:

"Onte á tarde chegou a mensaxe e quedamos para hoxe".

"Métenche un bastonciño polo nariz, e fanche a proba PCR".

"Non doe, pero si que é molesta porque están un pouquiño rabuñando no nariz. De feito, chora un pouquiño o ollo, pero nada máis".

"Mañá chegaría unha mensaxe ao móbil, igual que chegou a da cita. Entón daranme positivo ou negativo, e despois..."

A proba consiste nunha toma de mostras nasofarínxeas, ás que se lles aplica a técnica da PCR, que permite coñecer unha posible infección en menos de 24 horas. 

"Tal como está Muros semella que hai bastantes contaxios e paréceme ben que fagan un cribado para saber se hai xente asintomática, que pode estar contaxiando o resto da xente".

"Paréceme que está ben, pero á fin e ao cabo tampouco é moi fiable, segundo o que se está a ver. Non entendo disto, pero segundo o que se está a ver, non é moi fiable".

"Paréceme ben. Neste momento todo o que se faga é bo, nada vai ser para peor. E non custa nada", así opinaban varios veciños das probas.

Segundo os datos máis recentes da Xunta sobre a incidencia do coronavirus, Muros rexistrou máis de corenta e dous casos positivos nos últimos catorce días, o que sitúa o concello no nivel tres de alerta, o encarnado. Os resultados destas probas permitirán ter unha maior información do estado da pandemia e tentar controlar o seu espallamento.

Noticias web

31/10/2020