CRTVG

Buscar

Dúas empresas presentan ofertas en firme para mercar Alcoa

Publicado o 07/06/2019 09:09

Dúas empresas presentaron ofertas en firme para mercar Alcoa, co compromiso de manter o 100 por cento do emprego.

Cando faltan 23 días para pechar a venda de Alcoa, a dirección da empresa informaba os representantes sindicais que hai dous potenciais investidores con ofertas en firme. En principio, un dos investidores fai unha oferta conxunta, quere as dúas plantas, a da Coruña e a de Avilés, e arrancar de novo as series de electrólise. Esta oferta estaría condicionada ao prezo da electricidade, pero este potencial comprador asegurou que ten o compromiso do goberno para ter un prezo estable e competitivo.

A outra oferta é só para a fábrica de Avilés, e só para o ciclo de fundición. Este investidor visita hoxe a factoría da Grela para decidir se presenta unha oferta vinculante tamén por ela.

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Aínda hai que seguir arrancando compromisos e logo tomar unha decisión".

Hoxe volve haber outra reunión da comisión de seguimento do ERE. Para mañá ao mediodía está convocada unha marcha na Coruña baixo o lema "Por un futuro para a industria electrointensiva", para esixirlle ao Goberno que cumpra os seus compromisos nesta recta final do proceso de venda de Alcoa e impulse un marco estable que garanta un prezo eléctrico competitivo. 

Noticias web

07/06/2019