CRTVG

Buscar

Dous individuos atracan unha froitería de Vilagarcía cando a dona facía a caixa

Publicado o 26/04/2019 13:42

Unha parella de delincuentes atracou unha froitería de Vilagarcía cando a propietaria estaba a facer a caixa. A froiteira fíxolles fronte e chegou a zarandear un dos ladróns, pero non puido evitar que lle roubaran 50 euros.

A dona desta froitería de Vilagarcía estaba a punto de pechar o mércores ao mediodía cando a atracaron. Recollía os cartos da caixa coa persiana medio baixada. Cando se decatou, xa tiña unha parella dentro do local.

Ana Devesa froiteira: "Metéronse por debaixo da reixa. Pregunteilles se necesitaban algo e o que me din é que é un atraco. Eu rinme. Enfadáronse e dixeron que era en serio. Sen pensalo, boteille a man ao peito e aperteino".

Ana fixárase en que a parella levaba un tempo no banco de en fronte. Estaban cubertos coa capucha pero non lle estrañou porque ía moito frío. Non sospeitou que a estaban asexando. Pasado o susto, non sabe se volvería actuar do mesmo xeito.

Ana Devesa, froiteira: "Creo que foi un acto reflexo, un pouco inconsciente. Quizais non debín actuar así. Penso que me saíu o instinto de defensa, de supervivencia".

Despois do forcexo, os ladróns marcharon con 50 euros. A policía estivo recollendo pegadas no local, na reixa e nun paraugas para tratar de identificalos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/04/2019