CRTVG

Buscar

Dous individuos asaltan a casa dun armador de Marín e levan diñeiro e xoias

Publicado o 29/11/2019 11:07

Sucedeu de madrugada na vivenda na que reside o armador en Marín. Ao parecer, dous encapuchados conseguiron entrar á casa por unha ventá lateral á que accederon por unha calella anexa que separa o inmoble dun edificio a medio construír. Está mañá o propio Manuel Nores amosaba aos axentes da Policía Científica o lugar por onde entraron os asaltantes, que, unha vez no interior, amordazaron e maniataron o empresario e a súa muller, aos que sorprenderon mentres durmían.

Segundo fontes da investigación, os dous descoñecidos obrigaron o armador a entregarlles diñeiro en efectivo que tiña na casa, onde tamén están situadas oficinas e un almacén da súa empresa. Non hai confirmacion oficial, pero os delincuentes puideron fuxir cun botín de polo menos 50.000 euros e unha cantidade importante de xoias. Despois foi o propio Manuel Nores quen conseguiu desatarse e alertar os servizos de emerxencia.

Os dous octoxenarios atópanse en bo estado de saúde, aínda que moi impactados polo acontecido. Esta mañá recibían o apoio de amigos e membros da súa familia, que non quixo facer declaracións para non entorpecer a investigación. No lugar, a policía realizou as primeiras dilixencias. Os axentes da Científica fixeron unha inspección ocular e recabaron algunhas probas para identificar os asaltantes.

O suceso causou gran conmoción en Marín, onde Manuel Nores é moi coñecido pola súa traxectoria vinculada ao mar. O seu grupo empresarial ten na actualidade oito buques propios e dá emprego a máis de 300 persoas.