CRTVG

Buscar

Dous grandes incendios forestais no norte de California obrigan a evacuar miles de persoas

Publicado o 01/09/2021 14:01

Os dous grandes incendios forestais que devastan desde hai semanas o nordés de California levan queimados preto de 400.000 hectáreas e miles de persoas víronse obrigadas a evacuar os seus fogares.

A escasa humidade e os fortes refachos de vento dificultan os traballos de extinción en que participan miles de bombeiros. Despois da orden de evacuación recibida polos seus 22.000 habitantes, polas rúas de South Lake Tahoe só transitan as patrullas militares e os vehículos que participan nos traballos de extinción do voraz incendio forestal que ameaza con reducir a cinzas esta popular cidade turística do nordeste de California. "Acabo de ver a reunión por zoom e dicía que saiamos, así que aquí imos de novo".

Desde mediados de agosto, Caldor, como foi bautizado este lume forestal, leva arrasadas máis de 70.000 hectáreas e centos de edificios. A escasa humidade e os fortes refachos de vento que sopran na zona facilitan o rápido avance das lapas e avivan a frustración dos miles de bombeiros que intentan sufocalo.

O Departamento Forestal de California recoñece que Caldor só está controlado nun 14 por cento. Nesta mesma zona da costa oeste estadounidense, outro incendio, Dixie, segue activo despois de devorar máis de 300.000 hectáreas en mes e medio.

A superficie queimada por Dixie, que só está controlado nun 48 por cento, convérteno no segundo máis grande na historia de California.

Noticias web

01/09/2021