Dous gardas civís salvan un rapaz nun incendio en Arteixo
Contra a unha da madrugada do venres, o posto da Garda Civil de Arteixo recibía a chamada do 112 por un incendio no segundo andar dunha urbanización. Os axentes Eva, garda civil en prácticas, e Samuel, axente desde hai 15 anos, foron os primeiros en chegar, e ao ver o fume e sentir voces dentro, sen recibir resposta, decidiron entrar.
Entraron a gatas aproveitando o osíxeno a rentes do chan ata que toparon un rapaz de 19 anos a quen, ao parecer, se lle prendera o aceite nunha tixola. Cren que foi el quen deu aviso, pero xa intoxicado e medio inconsciente non respondía, polo que, tras sacalo para fóra, decidiron volver entrar por se había algún outro membro da familia.
Os dous aseguran que ante outro aviso similar volverían reaccionar exactamente igual, poñendo en risco as súas propias vidas. Non se consideran heroes, só que cumpriron co seu labor.
O rapaz tivo que ingresar no hospital, pero xa está de volta na casa e os estragos xa están tamén amañados. A maioría dos veciños estaba durmindo e non se decatou da proeza que os dous gardas civís protagonizaron esa noite, mentres eles durmían.