CRTVG

Buscar

Dous gardas civís de Cambre salvan unha nena e a súa avoa dun incendio

Publicado o 28/05/2018 17:23

Acción heroica a de dous gardas civís do cuartel de Cambre. Rescataron unha nena de tres anos e a súa avoa dun grave incendio na localidade culleredense de Fonteculler arriscando as súas vidas. Contan que, malia a densa fumareda que invadía todas as escaleiras e tamén a vivenda, non dubidaron en ir á procura das dúas persoas que arestora continúan recuperándose en hospitais da Coruña.

Salvador e Francisco estaban realizando un servizo no Burgo a raíz dunha alcolemia. Solicitaron a colaboración da Policía Local que, ao chegar ao lugar, lles deu conta do incendio que había en Fonteculler. Tardaron dous minutos en presentarse no lugar e aínda non chegaran os bombeiros. 

Daquela, o seu compañeiro, Salvador, decidiu subir ao quinto andar, que foi onde se orixinou o lume. Mentres, Francisco alertaba os servizos de urxencia e, despois, tamén subiu para axudar no rescate.

Francisco deixou a pequena, de tres anos, nunha ambulancia do 061, colleu unha botella de auga e volveu subir.

Con todo, ambos os dous, que tiveron que recibir asistencia médica no CHUAC, din que volverían actuar de igual xeito. A nena segue ingresada no Materno Infantil da Coruña. Súa avoa, na UCI do CHUAC. Porén as dúas evolucionan de xeito favorable e pronto poderían recibir a alta médica.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/05/2018