Dous galegos gañan por terceira vez o Campionato Mundial de Vídeo Submarino
O Campionato Mundial de Vídeo Submarino volve ter nome galego. Por terceira vez gañaron o certame Pilar Barros e Jorge Candán. O xurado valorou a beleza das imaxes gravadas en Madeira e tamén a mensaxe a prol da conservación da natureza.
Son imaxes que remiten ao universo Matrix pero gravadas a trinta metros de profundidade nas costas da Illa de Madeira. Pertencen ao documental que acaba de gañar o campionato do mundo de vídeo submarino. Os seus autores son Pilar Barros e Jorge Candan, un matrimonio que dende o náutico de Boiro leva máis de vinte anos compartindo afección e gañando premios. O certo é que este é o terceiro campionato do mundo de vídeo submarino que logran.
O xurado valorou un conxunto de factores. E gustoulles especialmente que o vídeo enviase unha mensaxe conservacionista pero dende un punto de vista máis orixinal, inspirándose na ficción futurista de Matrix.
No náutico de Boiro Jorge e Pilar saborean xunto aos seus fillos o premio mundial conquistado en Madeira esta fin de semana pasada pero sen deixar de mirar para as profundidades do mar e matinando xa no seu próximo reto.