CRTVG

Buscar

Dous fotógrafos galegos, entre os premiados no Wildlife Photographer of the Year

Publicado o 20/10/2019 21:12

A erupción do volcán Kilauea en 2018 transformou con violencia a paisaxe da Illa Grande de Hawai. A lava diluíu a fronteira entre o mar e a terra, provocando nubes de vapor ácido altamente tóxicas. Creation capta desde o ceo o drama da creación. É a imaxe premiada na categoría Contornas do planeta Terra.

Luis Vilariño, autor da foto, explica: "Eu intentaba que a luz fose lateral para resaltar o relevo das nubes de vapor ácido, tremendamente tóxicas. Tiñamos que voar a unha cota máis baixa de mil metros. Iso obrigábame a utilizar un teleobxectio e entrañaba máis dificultade polas vibracións do helicóptero. Tes que ter moi claro o que queres facer".

Os preguiceiros só baixan da súa árbore cada dez días. Dani Salgado captou o momento a base de paciencia e perseverancia no parque nacional Manuel Antonio de Costa Rica. Slow movement recibiu unha mención honorífica na categoría de comportamento animal de mamíferos. Para Dani Salgado, "nunca sabes a oportunidade que vas ter, só que estás nun parque nacional cunha concentración de fauna única, onde a base de insistencia podes ter a recompensa".

A esencia da natureza máis salvaxe está nas fotografías de Luis. As de Dani son unha celebración, a celebración de formar parte dun planeta que que hai que preservar.

"Supoño que un acaba fotografando o que ama. Para min unir fotografía e natureza foi a desembocadura lóxica destas dúas paixóns", comenta Dani Salgado.

Luis Vilariño cre que "a fotografía ten unha enorme maxia, a capaciade de conxelar o instante. É como unha máquina do tempo. Iso obrígame a centrarme moito no suxeito que estou fotografando, a analizalo, a entender a súa luz, como cambia ao longo das estacións; iso fai que entenda moito mellor a natureza".

As súas fotografías forman parte dun exposición que xa se pode visitar no Museo de Historia Natural de Londres.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019