CRTVG

Buscar

Dous feridos leves en dous acidentes por saída de vía en Ourense

Publicado o 16/12/2019 16:27
Dous feridos leves en dous acidentes por saída de vía en Ourense

Unha muller de 51 anos quedou ferida a primeira hora da tarde ao saírse da vía no termo municipal de Verín, estrada OU-1014 que vai de Monterrei a Pazos.

A muller, que conducía un Peugeot 206, saíu pola marxe esquerda e chocou contra un poste da iluminación pública. O accidente ocorreu contra as 13:10 horas. Para atender o sinistro foi preciso mobilizar un equipo de atestados e unha dotación de bombeiros do parque de Verín.

Pasadas as dúas e media da tarde, na autovía A-52, saíu da calzada un vehículo todo terreo conducido por un home de 37 anos e veciño de Valladolid. O condutor quedou ferido leve tras o accidente, malia que quedou atrapado no interior do vehículo tras caer máis de 10 metros ladeira abaixo.

No rescate do ocupante do Range Rover Sport, accidentado no concello de San Cibrao das Viñas, acudiron os bombeiros de San Cibrao, dúas patrullas de motoristas, un equipo de atestados e un equipo de mantemento.

A Garda Civil aconsella prudencia nas estradas e reducir a velocidade cando as circunstancias meteorolóxicas son adversas, xa que a chuvia intensa e as nevaradas reducen a adherencia do vehículo na calzada.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí