CRTVG

Buscar

Dous estudantes galegos, expulsados dunha residencia en Eslovaquia logo de dar positivo unha compañeira

Publicado o 16/10/2020 20:15

Un grupo de estudantes españois de ERASMUS en Bratislava foron expulsados da residencia en que vivían ao detectarse un caso de coronavirus no grupo.

Son 30 mozos, entre os que hai dous galegos.

Uxia e Ángel pagaron 1.900 euros cada un para pasar o primeiro cuatrimestre do seu ERASMUS na capital de Eslovaquia nunha residencia de estudantes.

Con eles vivían outros 28 mozos españois. Cando se detectou un positivo por Covid a dirección da residencia botounos sen contemplacións.

Levan máis dunha semana vivindo en aloxamentos privados, que pagan eles, sen axuda económica nin médica.

"Temos compañeiros que están en residencias e que cando sucede este tipo de cousas poden seguir quedando na súa residencia, que xa teñen pagada, para facer a corentena ou o que haxa que facer", conta Uxía Soneira.

Non saben aínda cando poderán volver á residencia. Reclaman que, polo menos, lles devolvan os cartos.

"Estivemos falando co ministerio de Sanidade de Eslovaquia e déronnos a razón. Están en contacto coa residencia, a ver en que queda todo", engade Ángel Sanmartín.

No grupo hai máis de 15 positivos por coronavirus. Pasan a corentena como poden. Axudándose uns a outros, pero coa sensación que estaren abandonados polas autoridades médicas e académicas do país.