CRTVG

Buscar

Dous estudantes dun centro de Poio, premiados pola súa proposta de loita biolóxica contra a velutina

Publicado o 08/03/2020 15:09

Controlar a vespa velutina mediante o uso de fungos. Isto é o que defenden dous estudantes de bacharelato do colexio Sek Atlántico de Poio. A idea está funcionado porque acáballes de valer o primeiro premio da feira máis importante para investigadores nóveles celebrada en Barcelona. E todo polo cordyceps militaris, que así se chama o fungo.

"O que fai é alimentarse da quitina do exoesqueleto que ten a velutina. Entón, nsertamos un parasito, o fungo, no seu ciclo biolóxico, que se alimenta desta quitina, que despois o levan ao niño, e alí entra en contacto coa raíña. Cando a raíña sae nos meses de frío, e vai enterrarse, é cando o fungo come esa quitina e a mata completamente", describe o estudante Nuno Sinde. 

Cada vespa raíña é capaz de crear case trescentas novas ráiñas. O fungo impideo, e de xeito natural.

"As trampas convencionais, os explosivos, os drons, son métodos que non son bos, porque danan o ecosistema e o que fan é matar, e non frear o medre da poboación -sentenza Pedro Fernández, o outro autor do proxecto-. Nós con este fungo, aparte de que estamos introducindo unha especie da zona, sen risco para o ecosistema, tamén estamos freando o medre, xa que impedimos o crecemento de novas raíñas".

O proxecto destes estudantes está en fase de laboratorio, pero no seu centro xa conseguiu espertar o interese de todos.

María Machicote, titora dos estudantes

"Dende o ano pasado -comenta a titora dos estudantes, María Machicote- que ganamos na Galiciencia e este ano en Barcelona, todo o cole está metido nesa onda expansiva da investigación, da ciencia, todos con ganas, todos preguntan polo proxecto...

O ano pasado retiráronse vinte e tres mil niños de vespa velutina en Galicia. Estes dous estudantes teñen xa garantido presentar a súa idea en maio noutro certame en California e, quen sabe, conseguir a solución definitiva a invasión da vespa asiática.

Noticias web

08/03/2020