CRTVG

Buscar

Dous españois figuran entre os 157 mortos do avión que caeu en Etiopía

Publicado o 10/03/2019 14:27

 O avión accidentado pertencía ás Liñas Aéreas de Etiopía. Cubría un servizo regular entre a capital etíope e a capital de Kenya. Pasadas as seis e medida da mañá, hora galega, engalou do aeroporto de Adís Abeba e tiña previsto tomar terra en Nairobi en pouco máis de hora e media. Porén, aos seis minutos de partir perderon o contacto con el. Caera nas proximidades dunha localidade chamada Bishoftu, a 62 quilómetros ao sueste.

O aparello levaba 149 pasaxeiros e oito tripulantes, de 33 nacionalidades. Confirmouse que hai dous españois entre eles. Inicialmente, na aeroliña indicaron que estaban en curso os labores de busca e rescate e que non tiñan información confirmada sobre as posibles vítimas, pero pouco despois un voceiro da compañía comunicou na televisión estatal etíope que non había superviventes.

En Nairobi, o aeroporto de destino, os familiares tardaron en saber o que pasara.

 Un home explica que os paneis só informaban dun atraso e que coñeceu o accidente polas noticias.

Outro home conta que pediu información e que foi nese momento cando lle dixeron que o avión se accidentara.

O ministro de Transportes de Kenya dixo que eles tiñan tamén pouca información e remitiuse á compañía etíope.

De momento descoñécense as causas do sinistro. O aparello, un Boeing 737-800 MAX, tiña só 5 meses. O modelo é igual ca o que caeu en Indonesia en outubro con 189 persoas a bordo. Aquel tamén era novo, non chegaba a ano e medio.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/03/2019