CRTVG

Buscar

Dous detidos por estafar 4.500 euros en Ourense

Publicado o 11/09/2020 15:44

A Policía Nacional detivo dous veciños de Ourense acusados de lle roubar a documentación a unha muller para logo estafarlle 4.500 euros. Utilizaron a documentación para conseguir pasar pola vítima na sucursal bancaria.

Todo comezou, de madrugada, na avenida de Zamora. Unha muller denunciou que, cando saía do coche acabado de aparcar, un home abordouna polas costas e rouboulle varias cousas, entre elas, a documentación.

Teresa Ramos, voceira da Policía Nacional de Ourense: "Unhas horas máis tarde, esta mesma muller comunícanos que retiraran 2.000 euros dunha sucursal bancaria de Ourense".

A Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta fíxose cargo da investigación, que se resolveu horas máis tarde na mesma oficina bancaria. A presunta estafadora regresou para sacar outros 2.500 euros. E volveu intentalo unha terceira vez, outros dous mil euros que, finalmente, non lle chegaron a entregar porque a Policía abortou a estafa. Fóra, na rúa, detiveron o seu suposto cómplice.

Teresa Ramos, voceira da Policía Nacional de Ourense: "A muller, debido a ser un delito continuado de estafa quedou en liberdade en dependencias policiais. O home pasou a disposición xudicial por roubo con violencia e delito continuado de estafa. Quedou en liberdade no xulgado".

A muller, venezolana de 47 anos, xa fora detida outras tres veces. O home, ourensán, de 42, ten once detencións anteriores por delitos semellantes.

Noticias web

11/09/2020