CRTVG

Buscar

Dous detidos, polo momento, por unha persecución a tiros en Monforte

Publicado o 19/02/2021 14:15

Os implicados nun tiroteo en Monforte foron deixando un regueiro de incidentes ao seu paso. O primeiro deles produciuse na rotonda que conecta a vila cos corredores de Lugo e Chantada. Un coche saíu da vía e os ocupantes fuxiron armados cunha arma de fogo.

Tomás Dalama, vendedor de coches: "Apareceu outro coche como embestíndoo por atrás e os ocupantes do coche saído fuxiron correndo rúa abaixo cara a Monforte. Os outros fixeron unha manobra un pouco estraña e saíron disparados detrás deles. Eu, pensando no que podería pasar, metinme dentro e escoitei unhas detonacións que poderían ser disparos".

A persecución a tiros, a plena luz do día, continuou ata a altura do cemiterio municipal. Alí, un dos coches bateu contra outro, e un terceiro, alleo á trifulca, resultou danado. Ademais, un dos vehículos acabou con impactos de bala.

Diego Novoa, vendedor de penumáticos: "Aí, máis adiante, chocou contra outro que viña con eles, que era outro Golf encarnado, e pegoulle por atrás. E despois escaparon e berraban que chamasen a policía. Dous metéronse para o cemiterio e outros dous foron por aquela rúa".

De inmediato, presentáronse patrullas de todos os corpos policiais. Tras as pescudas realizadas, dúas persoas roron detidas, unha en Monforte e outra en Ourense, que poderían estar relacionadas co tráfico de drogas.

Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional: "Hai dúas detencións. Unha realizouse en Ourense e a outra en Monforte. Iso abriu dúas liñas de investigación, o cal non quere dicir que non se poidan ampliar. En principio investígase se o caso está relacionado co tráfico de drogas ou coa compravenda de vehículos".

A investigación continúa aberta, polo que poderían producirse novas detencións.

Noticias web

19/02/2021