CRTVG

Buscar

Dous detidos en Galicia nunha operación internacional por falsificación de billetes

Publicado o 16/12/2019 18:55

• A rede, con presenza en oito países europeos, vendeu a través de Internet máis de 26.000 billetes falsos

• En total hai once detidos, un deles en Pontevedra e outro na Coruña

A Policía Nacional participou na operación internacional Deep Money contra a falsificación de billetes que se desenvolvía en oito países europeos, e que acabou coa detención de once persoas tras 36 rexistros e 44 interrogatorios. Dentro de España, producíronse varias detencións en Galicia. Segundo os investigadores, esta organización é un dos grupos máis importantes na venda de diñeiro falso a través de Internet e, presuntamente, terían vendido máis de 26.000 billetes falsos.

A operación desenvolveuse en Portugal, Austria, Alemaña, Francia, Irlanda, Grecia, Luxemburgo e España. A investigación comezou cando os axentes portugueses desmantelaron unha imprenta clandestina e constataron que presuntamente esta organización falsificaba billetes de 50 euros para a súa posterior venda online. Neste sentido, os axentes descubriron que un gran número de persoas compraban diñeiro falsificado a través de Internet polo que, a través de Europol, os axentes empezaron a coordinar esta operación conxunta.

En España os axentes detiveron a cinco persoas na Coruña, Pontevedra, Alacante e Santa Cruz de Tenerife, comisando, ademais, 1.260 euros falsos en billetes de 20 e 50 euros. Segundo o comunicado da Policía Nacional, con esta operación os axentes desmantelaron a imprenta clandestina e toda a súa organización criminal que se compuña polo líder, o impresor, os distribuidores e os compradores.