CRTVG

Buscar

Dous detidos en Carballo por tentativa de roubo

Publicado o 19/10/2020 13:54

Noite movida en Carballo, onde detiveron dous individuos cando intentaban roubar en varios coches que estaban estacionados na rúa. 

Os dous viaxaban noutro coche que lle roubaran horas antes a un veciño de Oleiros. Non foi ademais o único suceso delictivo das últimas horas nesa vila.

Os detidos son dous mozos, un deles de Malpica e o outro de Asturias. Un cidadán que os viu alertou as forzas de seguridade de que os individuos estaban onte á tardiña tratando de forzar a pechadura dun coche aparcado nas proximidades do centro comercial de Carballo.

Ao lugar desprazouse a patrulla da Policía Local e tamén a da Garda Civil. Os dous detidos pasaron a noite no calabozo mentres non os levaban a disposición xudicial.

Os dous mozos estaban a desprazarse nun turismo que lle roubaran a un veciño de Oleiros, polo que o dono tiña presentado denuncia.

Cinco encapuchados rouban uns 50 teléfonos

Moi preto do lugar desa acción policial, pero contra as dúas desta mañá, cinco escapuchados racharon unha porta de vidro das de acceso ao centro comercial Bergantiños.

Foron directos á tenda de teléfonos, onde rebentaron a persiana. En menos dun minuto estaban fuxindo en coche cos máis de cincuenta aparellos que roubaron, valorados nuns 10.000 euros.

Noticias web

19/10/2020