CRTVG

Buscar

Dous detidos e case tres toneladas de droga intervidas nunha operación antidroga na ría de Arousa

Publicado o 28/03/2020 14:52

Continúa aberta a operación antidroga que se levou a cabo na madrugada do sábado na ría da Arousa. O operativo desenvolvido polas unidades antidroga da Policía Nacional e da Garda Civil, en colaboración con Vixilancia Aduaneira saldouse polo momento con dúas persoas detidas e a incautación de 2.700 quilos de cocaína. Non se descartan que haxa máis detidos nas vindeiras horas.

Segundo fontes da Delegación do Goberno, as detencións producíronse esta madrugada, despois da persecución de dúas planadoras que tentaban introducir a droga pola ría de Arousa. Os detidos son dous homes de procedencia suramericana, aínda que un deles podería residir no concello do Grove. Supostamente as embarcacións pretendían chegar á costa cando foron sorprendidas polo operativo policial, que viña realizando pescudas dende hai meses. Na súa fuxida unha das lanchas quedou encallada preto da desembocadura do río Umia. A outra foi levada directamente ao porto do Grove, onde se depositou toda a droga recuperada, preto duns 150 fardos.

Na fuxida unha das planadoras tentou desfacerse da droga lanzándoa ao mar, polo que un operativo está tratando de localizar os paquetes na zona entre Ribeira e a praia de Castiñeiras, preto de Aguiño, ao outro lado da ría. Nun illote chegaron a atopar ata 13 fardos con cocaína.

As planadoras intervidas foron trasladadas á Escola Naval de Marín, mentres que os detidos permanecen en dependencias policiais.

Fontes da investigación apuntan a que se continúa tratando de localizar máis persoas que puidesen participar no transporte da droga frustrado finalmente polas forzas policiais.

Noticias web

28/03/2020