CRTVG

Buscar

Detido a ex-parella da muller asasinada en Vic e investigan como crime machista a morte dunha parella en Granada

Publicado o 21/10/2019 08:46

Os Mossos d'Esquadra detiveron a ex-parella da muller asasinada en Vic, un home de 29 anos, como suposto autor do crime.

E mentres, a Garda Civil de Granada investiga como outro crime machista a morte dunha parella na localidade da Zubia.

O home de 43 anos, supostamente, disparou contra a muller, de 40, e despois suicidouse coa mesma arma. Foi o fillo maior da parella quen, ao regresar ao domicilio familiar, na localidade granadina da Zubia, atopou os cadáveres dos seus pais e avisou a Garda Civil. Segundo fontes próximas á investigación, o home, supostamente, disparou contra a súa muller e despois suicidouse coa mesma arma.

Os cadáveres da parella, de 43 e 40 anos de idade, foron trasladados ao Instituto de Medicina Legal de Granada para que se lles faga a autopsia. As autoridades confirmaron que non existían denuncias previas por malos tratos entre a parella.

Tampouco denunciara a muller asasinada en Vic supostamente pola súa ex-parella, un home de 29 anos, que xa foi arrestado.

Varias ducias de persoas concentráronse este mediodía fronte á sede do concello desta localidade barcelonesa para gardar un minuto de silencio en repulsa polo crime.

Á espera da confirmación oficial como vítimas da violencia machista das mulleres asasinadas en Vic e Granada, no que vai de ano 46 mulleres morreron a máns das súas parellas ou ex-parellas en España.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019