Dous cans salvan a súa dona dun incendio en Ourense
Dous cans salvaron a súa dona dun incendio en Ourense. O lume, intencionado, iniciouse nuns colectores do lixo e estendeuse ao cerrado da vivenda, feito de bambú. Os cans espertaron a dona e botárona fóra da cama, cando as lapas xa ameazaban a casa.
Aínda nerviosa, por espertar de madrugada coas lapas asomadas á ventá, Noelia ten claro a quen agradecerlle poder contalo.
"Eu durmía e espertáronme os cans. Saltaron á cama e ladraban moi forte, dunha maneira peculiar. Ata que me levantei non pararon. Os dous coma tolos".
Cando saíu ao patio, as lapas subían por riba do cerrado da casa. A súa primeira reacción foi coller a mangueira.
"O lume xa corría polo cerrado e deime de conta de que a cousa era grave. Collín a mangueira e empecei a botar auga. Foi a miña primeira reacción. A min afectoume o cerrado, o toldo... pero á veciña de arriba persianas, rebentaron os cristais... se non chegaran os bombeiros sería un desastre. Aínda estou nerviosa e emociónome porque puido chegar ás caldeiras do gas, bombonas... puido ser grave", explica Noelia.
Chicho e Lolo, de 5 e 6 anos, son os superheroes desta historia en que tamén hai viláns. O lume comezou nos colectores do lixo, xa retirados porque arderon por completo nun acto que os bombeiros consideran claramente intencionado.
"Se foramos máis animais, o mundo iría mellor. Temos moito que aprender porque, como especie, a humana, temos moito que aprender. Estas cousas non se xustifican. Non entendo. Os cans non saben a magnitude do que fixeron, non teñen consciencia, pero eu si e xa os quería un montón, así que agora...", di Noelia.
Desde o día 30 de decembro ata hoxe, arderon na cidade 13 colectores, en cinco noites distintas, e todos de madrugada. Bombeiros, policía e o propio Concello investigan o sucedido.