CRTVG

Buscar

Dous anos e medio de prisión por ameazar con revelar a homosexualidade dun mozo coruñés, que se suicidou

Publicado o 09/09/2021 19:33
Dous anos e medio de prisión por ameazar con revelar a homosexualidade dun mozo coruñés, que se suicidou
EP

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña ratificou a condena imposta a un home polo Xulgado do Penal número 5 desta cidade por un delito de ameazas condicionais, polo que foi condenado a unha pena de dous anos e seis meses de cárcere e mais ao pagamento dunha indemnización de 9.000 euros ao familiar da vítima.

O tribunal acepta na súa totalidade os feitos considerados probados no fallo, segundo o cal, en outubro de 2019, o acusado contactou a través da aplicación Bender coa vítima, á que acabou esixindo a suma de cen euros a cambio de non difundir ou revelar capturas relativas á súa homosexualidade.

A vítima chegou a pagar ese diñeiro, aínda que o condenado seguiu enviándolle mensaxes de whatsapp "forzando" para que lle entregase máis diñeiro a cambio de non dicir a condición sexual do mozo na Coruña. "Se non che falo máis, mateime. Non aguanto máis", respondeulle este, recolle a sentenza. Nela, sostense que o condenado "non parou nas súas ameazas" e continuou esixíndolle unha suma de diñeiro. Sobre a vítima, engade que, "presa da desesperación e a angustia na que se achaba sumido", suicidouse.

O agora condenado, descoñecedor de tal circunstancia, seguiu enviándolle whatsapps, reclamando diñeiro e dicindo que lle ía "amargar" a vida. A sentenza da Audiencia da Coruña, ditada en xuño, afirma que "este dramático final, a pesar de ser alleo á vontade" do condenado "é o mellor reflexo da perturbación e angustia creadas na vítima pola presión á que o sometía o apelante", di sobre o recurso que este presentou pola súa condena en primeira instancia.

"A presión continua, a reiteración da petición de diñeiro após recibir o primeiro pagamento, foron suficientes para levar a vítima a adoptar unha decisión irreversible e gravísima", engade, e descarta tamén o argumento de que existía na vítima unha "circunstancia preexistente" en relación ao suicidio pola nota que a vítima deixou. Tamén ve acreditado o delito de ameaza por "un ataque ao dereito da persoa a formar, gozar e exercer a súa liberdade con plena autonomía de decisión e acción".

 

Noticias web

09/09/2021