CRTVG

Buscar

Dous amigos dos acusados polo crime de Samuel declaran que Diego e Yumba iniciaron a agresión

Publicado o 17/08/2021 17:51

No sumario do caso Samuel hai recollidas declaracións de varios amigos dos acusados. Nesas declaracións, dúas persoas sinalan a Diego e Yumba como os primeiros en comezar a agresión. Ademais, outro deles declarou perante a xuíza que instrúe o caso, que viu a Kaio correndo cara ao lugar dos feitos con ganas de mallar en Samuel, pero que, finalmente, non viu se chegou a participar ou non na pelexa.

Por outra banda, outros dous mozos da cuadrilla coincidiron en que Cathy lle impediu a Lina, a amiga de Samuel que estaba con el nese momento, que o axudara, que lle quitara de enriba a Diego cando o estaba golpeando.

Entre as declaracións que recolle o sumario do caso Samuel está a de Noah, a moza de Kaio, un dos investigados que permanece no cárcere de Teixero. Ela defende a súa parella. Di que, nun primeiro momento, separou a Diego e a Yumba, agora encarcerados. Engadiu que Kaio non participou na pelexa, que non se separou dela en ningún momento e que ían collidos da man. Tanto Noah coma Óscar, outro amigo da pandilla, declararon que viron como Cathy, a única acusada que está en liberdade, lle impediu a Lina, a amiga de Samuel, separar a Diego para que deixase de mallar nel.

Contan que Cathy agarrou a Lina, que se encarou con ela e que lle dixo que apartara, que ela alí non pintaba nada. Pola súa banda, Cathy, perante a xuíza, insitíu en que ela non participou nos feitos e que a Lina só a apartou. Catherine, a única acusada que está en liberdade, afirma que ela a botou para atrás "para que non levase ningún golpe, é máis, eu fun golpeada nas pernas".

Son varios tamén os que falan da xuntanza que mantivo a cuadrilla de amigos no parque de San Diego contra as seis da mañá, tres horas despois da malleira mortal. Alí foi onde, segundo Alejandro, Yumba recoñeceu que lle propinara un par de puñadas a Samuel e que Kaio non dixo nada, pero que ao día seguinte, envioulle un WhasApp informándoo de que o día anterior falecera un mozo. Declarou tamén que Kaio lle comentou que un dos menores de idade, acusado e internado nun centro, acostumaba levar un "ferro pequeno".

Segundo o sumario, Óscar tamén declarou que falaran da pelexa no parque de San Diego, "sen máis". Recoñeceu que o grupo adoitaba meterse en pelexas, pero que desta volta déronlle ben "porque se meteron todos".

Noticias web

17/08/2021