CRTVG

Buscar

Trump dá luz verde ao inicio da transición sen recoñecer a derrota ante Biden

Publicado o 24/11/2020 08:46

É máis -vía Twitter, que é como o anunciou- di que a súa causa continúa con forza, que mantén a loita e que cre que triunfarán. Logo engade que, "no mellor interese dos EUA", recoméndalle á responsable de activar o arranque do traspaso de poderes que faga o previsto con respecto aos protocolos iniciais, asegurando que o mesmo lle trasladou ao seu equipo. Esa responsable é a muller á fronte da Administración Xeral de Servizos, que el afirma que foi acosada e ameazada.

Esas coaccións son as que a propia Emily Murphy denuncia na carta que lle fixo chegar a Joe Biden para comunicarlle o comezo formal do proceso de transición pouco antes de que o aínda presidente publicase os chíos. Nela nega que recibise instrucións para atrasar a súa decisión ou para tomala agora, asegurando que o fai de xeito independente baseándose só nos feitos: menciona cuestións legais -lembren que a Trump tombáronlle a práctica totalidade da trintena de demandas que persentou- e de certificación de resultados, Michigan facíao onte seguindo a Xeorxia. Iso si, en ningún momento se dirixe ó demócrata como presidente electo, que é o habitual: fala de "aparente presidente electo".

O paso dado significa que, tres semanas despois dos comicios, o equipo de transición de Biden terá acceso ós funcionarios da actual Administración para o intercambio de carteiras, a información de intelixencia e a recursos económicos para financiarse. Din que nos próximos días comezarán as reunións para abordar os desafíos que afronta o país, incluídos o control da pandemia e a recuperación económica.