CRTVG

Buscar

Donald Trump ameaza o exército venezolano se segue apoiando a Maduro

Publicado o 19/02/2019 13:25

Mentres a axuda humanitaria para Venezuela procedente dos Estados Unidos ou Porto Rico se acumula na fronteira con Colombia, Nicolás Maduro anuncia a chegada inminente de máis axuda procedente de Rusia que si van autorizar a entrar no país. Nas últimas horas, o presidente estadounidense Donald Trump ameazou ao exército venezolano se siguen apoiando a Maduro. 

Donald Trump volve entrar en escena para conminar o exército venezolano para que deixe de apoiar a Maduro e se poñan de lado de Guaidó. Nun discurso en Miami, onde se concentra a maior comunidade de venezolanos do país, Trump lanzoulles esta ameaza se seguen apoiando o presidente de facto.

"Se elixides ese camiño, non atoparedes refuxio seguro, nin solucións doadas nin escapatoria. Perderédelo todo", advertiu Trump.

Respondeulle Maduro. "Donald Trump crese a potestade de dar ordes e que as forzas armadas bolivarianas lle van cumprir as ordes a el. É unha ofensa á dignidade, á vergoña", dixo. 

E fixo este anuncio: "O mércores chegan 300 toneladas de axuda humanitaria legalmente de Rusia convertida en medicamentos de alto custo para o pobo".

A outra axuda, a procedente dos Estados Unidos, reiterou que non a van aceptar. Para responder á convocatoria de Guaidó para este sábado, o Goberno de Maduro contraprograma convocando un gran concerto pola paz na ponte Simon Bolívar, na fronteira con Colombia. Pero esa xornada festiva terá tamén un obxectivo humanitario.

"Para levar aos irmáns e irmás de Cúcuta máis de vinte mil caixas para axudar coa situación de extrema dificultade que viven miles de nenos e nenas en Cúcuta", explicou o ministro de Información, Jorge Rodríguez.

Será o venres 22 e o sábado 23, o mesmo día que Guaidó convocou outro concerto e unha mobilización para comezar a repartir a axuda humanitaria acumulada en Cúcuta.

"Hai que ser moi cínico para convocar un concerto para levar axuda a Colombia. Non cambia os nosos plans. Se non entra a axuda en Venezuela, entra o 24", dixo Guaidó.

O presidente da Asemblea Nacional participou na conmemoración dos cinco anos da detención do líder opositor Leopoldo López.

Noticias web

19/02/2019