CRTVG

Buscar

Domingo Fareleiro en Xinzo, tradición e festa de interese turístico internacional

Publicado o 10/02/2019 21:58

O Entroido xa está aquí e se non que llelo digan aos valentes que hoxe se achegaron ata Xinzo e que foron testemuñas do inicio dunha festa declarada este ano de interese turístico internacional.

Os ingredientes foron os de sempre, 500 quilos de fariña, moitas ganas de pasalo ben, mesturado con algo de imaxinación e un chisco de tradición. O resultado, un éxito, tamén coma sempre.

Despois de todo un ano de espera, o Entroido esperta por fin no Fareleiro. Porque iso é case o mellor, que quedan por diante outras catro semanas de festa.

Pero hoxe toca o que toca. E para que ninguén quede coas ganas, repártense arredor de 500 quilos de fariña. Aínda que cada quen pode poñer tamén da súa parte.

Como en todo Entroido que se prece, tamén hoxe puidemos ver xa algún que outro disfrace. Pero, sobre todo, moitas ganas de troula. E para aqueles que aínda non o probaron a explicación, aseguran, é ben sinxela.

Isto non é máis que o comezo. A próxima fin de semana celebran o domingo oleiro, e quedan aínda o corredoiro, o Entroido e o de Piñata. En Xinzo presumen, ademais, de que este ano o seu Entroido foi declarado de Interese Turístico Internacional.

Alicientes non faltan para unha festa en que só se precisan imaxinación, bo humor e moitas ganas de pasalo ben.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2019