CRTVG

Buscar

Numerosos accidentes de tráfico en Galicia, sen vítimas mortais

Publicado o 10/06/2019 08:04
A tarde do domingo foi especialmente accidentada nas estadas galegas. Seguimos á espera de saber como evoluciona o home atropelado en Cuntis, que foi ingresado no Hospital Clínico de Santiago. Por sorte, os outros accidentes de tráfico non rexistraron feridos graves.
O sinistro máis grave da  xornada ocorreu en Cuntis, nunha zona coñecida como a recta da Anllada. Foi un atropelo. Un home baixaba do seu coche para mercar cereixas nun posto á pé da estrada cando outro turismo o levou por diante. Os ocupantes do vehículo quedaron tamén feridos, leves, como consecuencia do impacto, e a persoa atropelada foi trasladada en estado grave ao Hospital Clínico de Santiago en helicóptero.
   
E un pouco antes, en San Cibrao das Viñas, chocaron dous motoristas. Participaban nun paseo con outros membros do club de condutores de Vespa de Ourense e as dúas motos bateron entre si. Varias ambulancias acudiron a este punto do polígono Barreiros e os dous foron trasladados ao complexo hospitalario de Ourense.

Ademais, na AP-9, entre os concellos de Redondela e Vigo, envorcou un turismo no medio da autoestrada. Por sorte, a maior consecuencia que tivo este sinistro foron as retencións de tráfico á entrada da cidade mentres non se retiraba o coche, pois ningún dos ocupantes sufriu mancaduras de gravidade.

Noticias web

10/06/2019