CRTVG

Buscar

Dolores Delgado será hoxe nomeada fiscala xeral do Estado

Publicado o 14/01/2020 09:43

Unha das primeiras decisións que se tomará nesta primeira reunión do novo goberno será o nomeamento de Dolores Delgado como Fiscala Xeral do Estado. Unha proposta que suscitou opinións críticas entre a maioría de asociación de fiscais e xuíces e tamén por parte dos principais partidos da oposición. Desde o Goberno, negan a acusación de que sexa un intento de controlar a Fiscalía.

O nome propio do día de hoxe será Dolores Delgado. A proposta de designación da ata agora ministra de Xustiza como Fiscala Xeral do Estado en substitución de María José Segarra provocaba nas últimas horas todo tipo de reaccións, algunhas facendo fincapé precisamente no seu paso polo Goberno. Desde a Asociación de Fiscais, cren que a intención do Executivo é ter controlada á Fiscalía para afrontar unha lexislatura que se prevé bronca coa oposición.

Pola contra, desde a Unión Progresista de Fiscais defenden a preparación e a longa traxectoria profesional da ex-ministra.

Desde os partidos da oposición vén neste nomeamento un exercicio de control da xudicatura, que negaba a vicepresidenta primeira Carmen Calvo. O Partido Popular vai recorrer esta designación. Consideran que vulnera a independencia e o estatuto da Fiscalía.

Pablo Casado, presidente do Partido Popular: "Xa lle oímos dicir a Pedro Sánchez que el mandaba sobre a Fiscalía Xeral do Estado, pero polo menos podía manter certo escrúpulo á hora de politizar o Estado de dereito. Paréceme un feito de extrema gravidade, que ademais segue esa folla de ruta á que chegaron cos separatistas para confrontar co Poder Xudicial".

Ciudadanos vai propor unha reforma da Fiscalía para evitar nomeamentos coma este, ao servizo, din, dos independentistas cataláns.

Edmundo Bal, Ciudadanos: "Satisfacer os independentistas, os nacionalistas e os populistas. É un nomeamento absolutamente político".

O Consello Xeral do Poder Xudicial examinará o xoves a idoneidade de Dolores Delgado para o cargo, inda que a súa decisión non é vinculante. É dicir, simplemente constata se a candidata cumpre co requisito de ser unha xurista española con máis de 15 anos de exercicio efectivo da profesión. Unha vez recibido este informe, a proposta irá ao Congreso. Tras a comparecencia parlamentaria de Delgado, tomará posesión do cargo.


 

Noticias web

14/01/2020