CRTVG

Buscar

Dolores Delgado promete o cargo como fiscala xeral do Estado

Publicado o 26/02/2020 12:13

A nova fiscala xeneral do Estado, Dolores Delgado, prometeu este mércores o seu cargo ante o rei nun acto celebrado no Palacio da Zarzuela ao que asistiron o xefe do Goberno, Pedro Sánchez, e o presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes.

Filipe VI presidiu este breve acto (ao día seguinte do nomeamento de Delgado por parte do Consello de ministros) e que se celebrou no Salón de Audiencias do Palacio.

"Prometo pola miña conciencia e honra cumprir fielmente as obrigacións do cargo de fiscal xeral do Estado, con lealdade ao rei, e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado", pronunciou Delgado ante un exemplar do texto constitucional. Un volume aberto polo artigo 124, relativo ao Ministerio Fiscal.

Delgado, do mesmo xeito que os membros do Goberno de Pedro Sánchez e que a súa predecesora na Fiscalía, María José Segarra, prometeu o cargo sen a presenza de símbolos relixiosos.

A posibilidade de que neste tipo de actos estean presentes ou non a Biblia e o crucifixo é unha opción que desde o inicio do reinado de Filipe VI poden elixir quen promete ou xura o seu cargo.

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, estivo presente tamén no Palacio da Zarzuela na súa condición de notario maior do Reino.