CRTVG

Buscar

Doentes da psoriase falan da súa loita nun documental

Publicado o 30/09/2017 14:52

A psoriase é unha das enfermidades máis antigas do mundo, unha reacción do sistema inmunolóxico que se manifesta a xeito de escamas na pel e que pode derivar nunha enfermidade máis grave. Non é contaxiosa, e aínda que non se cura, os tratamentos actuais permiten levar unha vida completamente normal. Un grupo destes doentes fixo o camiño de Santiago para contar nun documental tamén o camiño da súa loita contra esta enfermidade.

En España hai un millón de persoas con psoriase e ata un trinta por cento poden desenvolver o estado máis gravoso desta enfermidade, a artrite psoriásica. Pero un dos maiores obstáculos para estes doentes é a estigmatización da súa enfermidade pola sociedade. Por iso, para visibilizar a súa loita e dar a coñecer a súa enfermidade, estase a realizar un documental que conta a historia dun grupo destes doentes mentres fan o camiño de Santiago. Os doentes contan que as repercusións físicas da enfermidade son duras, pero tamén a aceptación social.

A psoriase é unha reacción descontrolada do sistema inmunolóxico, pero actualmente as novas terapias médicas permiten normalizar a vida dos afectados, aínda que son conscientes de que non hai cura. Esta maña o obxectivo dos participantes nesta iniciativa era finalizar o Camiño de Santiago, pero sobre todo, dar a coñecer a súa loita no camiño da vida.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2017