CRTVG

Buscar

Docentes galegos crean un portal educativo para seguir aprendendo durante o confinamento

Publicado o 19/03/2020 21:25

Digámolo dende o silencio. "Estamos na casa, pero non estamos parados: a educación en galego continúa". Digámolo mellor a varias voces. "Estamos na casa, pero non estamos parados. Isto é Aulas Galegas, un portal educativo realizado por profesoras e profesores sen ánimo de lucro".

"Cremos que, ante a situación de illamento provocada polo coronavirus, debemos ofrecerlle unha axuda educativa á sociedade". Por iso un grupo de docentes galegos decidiu unirse para crear esta escola virtual.

"Estamos en aulasgalegas.org". "Para o alumnado e as súas familias queremos publicar cada día material educativo novo".

"Terás os recursos clasificados por nivel académico e materia". "Lecturas compartidas, enredos para o lecer e recomendacións emocionais que nos van vir moi ben para estas semanas". E, por suposto, hai un tempo de recreo.

"Na vida é importante xogar, por iso xorde unha sección chamada 'Enredos' en que vas botar moito tempo".

Para os profesores, para os alumnos e para as familias. Para todos. "Nós estamos cos maiores, por iso temos unha sección dirixida a eles e ás súas familias".

Porque nunca podemos deixar de aprender. "A lectura permítenos viaxar sen saír da casa".

E Aulas Galegas permítenos seguir aprendendo acompañados. "Contamos contigo".

 

Noticias web

19/03/2020