Doce voluntarios traballan no castro de Montes Claros, no concello da Laracha
Veñen de diferentes puntos de España coa idea de gañar coñecementos en arqueoloxía e descubrir a cultura castrexa e as formas de vida dos celtiberos. Son 12 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que están a delimitar e limpar a zona perimetrada do castro de Montes Claros, no concello da Laracha.
"Os campos de traballo son espazos de convivio de rapaces entre 18 e 30 anos. Este en concreto é un campo de traballo nacional. Hai xente de todas partes. A parte do traballo que facemos todas as mañás, a tarde e a noite temos actividades de lecer", di Rubén González, director do campo de traballo do castro de Montes Claros.
"O campo está superando as expectativas. Estamos aprendendo un montón sobre a cultura desa época e sobre o que son os castros", conta unha moza.
Acondicionarán tamén o camiño de acceso e sinalizarán o xacemento, e todo baixo a supervisión e coñecementos dunha arqueóloga. Ademais do traballo de campo, os voluntarios están a participar en actividades complementarias para coñecer a cultura galega.
"O campo de traballo fai unha proposta, eu fago un proxecto de intervención, onde se di cal é o límite e como vai a ser, e despois o que fago é unha especie de vixilancia cultural, de que iso se fai baixo os parámetros. A maiores, facemos un labor divulgativa e educativa sobre a xente que vén, porque vén con ese interese, para coñecer o patrimonio do noroeste de Galicia", conta Purificación Soto, directora do control arqueolóxico no campo de traballo.
"Imos quitando capas de terra ata atopar pequenos anacos de cerámica, e limpando a zona", di outra moza do campo.
Ata o 12 de agosto, os compoñentes do campo de traballo estarán mesturando coñecemento e traballo con lecer e tradición.