CRTVG

Buscar

Aprehendidas doce toneladas de cocaína en sete días que tiñan como destino Galicia

Publicado o 23/10/2021 16:22

Nas últimas semanas producíronse tres operacións importantes contra o narcotráfico, nas que se aprehenderon varias toneladas de cocaína que tiñan como destino Galicia. Desde a Fundación Galega contra o Narcotráfico destacan o gran labor das forzas de seguridade pero piden unha maior implicación política e un cambio na lexislación para loitar eficazmente contra a multirreincidencia dos narcotraficantes.

Efectuáronse tres operacións contra o narcotráfico consecutivas en pouco tempo, nun prazo de sete días, unhas 12 toneladas de cocaína aprehendidas tiñan como destino Galicia, unhas cifras "inasumibles", segundo a Fundación Galega contra o Narcotráfico. "Hai tempo que tiñamos advertencias de forzas de seguridade, a propia DEA, a Europol, que nos dixeron 'preparádevos para o que vai vir'. Hai unha sobreprodución mundial de cocaína e Galicia e España somos a porta de entrada de boa parte dos cargamentos que van abastecer toda Europa", asegura Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

Nunha das operacións aprehendéronse nunha embarcación no Atlántico máis de 5 toneladas de cocaína. Detivéronse tres persoas a bordo, entre eles, Carlos Silla, un dos máis buscados de Galicia e considerado o líder da segunda xeración de narcolancheiros galegos. "É o que nós chamamos o ascenso dos invisibles, ascenso e caída neste caso. Son moi noviños, teñen a discreción por bandeira, non van ostentando nada. Estamos volvendo ver planadoras na ría, cousa que hai tempo que non se producía, que son moito máis melloradas tecnicamente, son capaces de plantarse no medio do Atlántico para coller o cargamento e traelo a terra", destaca Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

Noutra das operacións desmantelouse unha organización internacional, houbo unha vintena de detidos. Un deles contaba con antecedentes policiais en España. Precisamente unha das características dos detidos neste tipo de operacións é que son en moitos casos multirreincidentes. "Estamos falando de grandes criminais, mafiosos de categoría que volven unha e outra vez delinquir. E por que o fan? porque lles segue saíndo rendible."

"Nós botamos en falta unha maior implicación política, do Goberno, que o narcotráfico estea na axenda política porque hai que lexislar. Hai que destacar o gran labor das forzas de seguridade, Aduanas, Garda Civil, Policía se non fose por eles nós estariamos nunha situación tremenda", asegura o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.

Noticias web

23/10/2021