CRTVG

Buscar

Doce pasaxeiros dun voo que chegou a Vigo de Madrid, en illamento tras un positivo

Publicado o 15/07/2020 01:05
Doce pasaxeiros dun voo que chegou a Vigo de Madrid, en illamento tras un positivo

Hai novos positivos en coronavirus importados que chegaron a Vigo. Viaxaron en tren e en avión e agora búscanse os seus contactos.

Un chegaría nun avión procedente de Madrid. Doce pasaxeiros que viaxaban nese avión que aterrou no aeroporto de Vigo o sábado están en illamento domiciliario despois de que un home que ía no voo dese positivo. Fontes do Sergas confirmaron a información que avanzou Galiciapress, que cita a versión dun dos viaxeiros illados.

Segundo este, o voo de Iberia Express viña cheo, aínda que só se ordenou o illamento dunha ducia de pasaxeiros, suponse que os que sentaron máis preto do contaxiado. O home que deu positivo, segundo as fontes sanitarias, non está hospitalizado, e estaría a centralizar o seguimento do caso a área da Coruña.

A área sanitaria da Coruña está controlando tamén unha ducia dos pasaxeiros que compartiron voo con el e que están en distintos puntos de Galicia.

Canto ao feito de non se realizaren PCR ás persoas illadas, o Sergas explicou que se aplica estritamente o protocolo sanitario previsto para estes casos. Así, a directriz é facer un control telefónico dos contactos estreitos e avaliar, en función da clínica e se presentan síntomas ou non, a realización da proba.

O outro positivo confirmado chegou á cidade en tren procedente de Barcelona.

Ademais destes dous homes, hai un terceiro caso en que a proba do coronavirus non é aínda concluínte.

Súmanse estes casos ao do home que chegou en autobús a semana pasada e ingresou directamente na UCI do hospital Álvaro Cunqueiro.

Na área sanitaria de Vigo hai doce casos activos, dous ingresados, un deles na UCI.