CRTVG

Buscar

Doce mozos de Down Galicia fan prácticas na Xunta

Publicado o 14/05/2019 17:28

A conselleira de Política Social visitou o Centro de Down Galicia, onde coñeceu as instalacións en que nenos e mozos con síndrome de Down aprenden a facerse autónomos. Os seus guías foron dous destes mozos, que fan prácticas laborais na Administración autonómica.

Iván Allende e Daniel Martínez son dous dos doce mozos con síndrome de Down que fan prácticas como auxiliares administrativos na Xunta de Galicia. Oito traballan nas oficinas de Ferrol, dous en Lugo e eles dous en Santiago.

Daniel Martínez Leboráns, auxiliar administrativo na Consellería da Presidencia : "Papelame e as fotocopias que me mandan. E vou só no autobús, xa".

Iván Allende Varela, auxiliar administrativo na Consellería de Política Social: "Fotocopias, escanear... Mándanme papeis ao Valedor do Pobo, tamén".

Esta mañá foron os anfitrións da conselleira Fabiola García no centro de Down Compostela, que alberga tamén a Federación Down Galicia. A conselleira escoitou as explicacións dos preparadores do centro, onde nenos e rapaces aprenden a manexarse en Internet, psicomotricidade, comportamento, cociña e autonomía.

Fabiola García, conselleira de Política Social: "O noso obxectivo é que as persoas con trisomía 21 adquiran cada día maior autonomía e que ocupen e teñan o lugar que lles corresponden na nosa sociedade".

Os mozos de Down Galicia tamén fan prácticas noutras institucións, bancos e empresas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/05/2019