CRTVG

Buscar

Doce anos e medio de prisión para o home que intentou matar a súa parella en Cangas

Publicado o 19/06/2020 17:43
Doce anos e medio de prisión para o home que intentou matar a súa parella en Cangas

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou este xoves a doce anos e medio de cárcere un home de 56 anos que en febreiro de 2019 tentou asasinar a súa parella cunha arma branca durante unha discusión na vivenda familiar, situada en Cangas do Morrazo.

Segundo os feitos probados, o 17 de febreiro de 2019, o acusado chegou acompañado da filla da súa parella ao piso onde convivían desde había sete meses e atopou a súa parella e a irmá desta na cociña, tras o cal foise ao seu cuarto. A súa parella seguiuno e ambos comezaron unha discusión no transcurso da cal o home tratou de cravarlle un obxecto punzante no pescozo.

A muller, aínda que ferida, puido zafarse desa agresión, pero non da seguinte, posto que o home lle cravou o obxecto punzante na fosa renal dereita e ela caeu ao chan. Os berros da muller atraeron a atención da súa irmá, que ao ir ao cuarto foi ameazada polo home, quen despois abandonou o fogar.

Na súa sentenza, o tribunal subliña que a versión ofrecida polo acusado, cuxo avogado pediu a libre absolución alegando que non houbo máis que unha tirapuxa, é “incompatible” coas probas, mentres que a da vítima e a súa irmá, testemuña dos feitos, está avalada documental e pericialmente.

Así, resalta que as lesións obxectivadas polos médicos forenses, e das que tardou 76 días en recuperarse, cinco das cales foron no hospital, concordan co testemuño da vítima.

Os maxistrados conclúen na resolución que os feitos se realizaron “aleivosamente”, polo que consideran que se tratou dun intento de asasinato, non de homicidio.

“Estamos ante un ataque súbito, non esperado, e que debilitaba as posibilidades de defensa da vítima”, destacan. Contra a sentenza cabe recurso de apelación ante a Sala do Civil, xa que o acusado foi condenado a indemnizar a vítima e o Sergas con 58.000 euros.

 

 

Noticias web

19/06/2020