CRTVG

Buscar

Diversos sectores piden que se amplíen os beneficiarios das axudas do Goberno

Publicado o 25/03/2021 16:35

Os autónomos e pequenos empresarios de diversos sectores lamentan que o Goberno non os inclúa como beneficiarios deste novo plan de axudas dotado con 11.000 millóns de euros pola pandemia. 

O sector dos salóns de peiteado e centros de estética é un dos que xa alzaron a voz. Aínda que en Galicia só estiveron pechados durante o confinamento, aseguran que a inmensa maioría pode acreditar perdas superiores ao 50 por cento na facturación como consecuencia das restricións e da anulación, por exemplo, de numerosos eventos. Así e todo, non están incluídos neste plan do Goberno, pero a ministra Nadia Calviño xa dixo que ían estudar unha ampliación. 

Os sete mil millóns de axudas directas a empresarios e autónomos aprobados polo Consello de Ministros van destinados, segundo indica o propio decreto, a sectores "especialmente afectados pola pandemia". Desde a hostalería ao comercio, pasando por actividades relacionadas coa cultura e o deporte, pero non os salóns de peiteados ou florerías.

O decreto enumera 95 actividades susceptibles de recibir estas axudas, aproximadamente a quinta parte do total de ramas de actividade clasificadas. 

Aseguran que poden acreditar perdas superiores ao 30 por cento que contempla o decreto. O Goberno xa anunciou que contempla ampliar as axudas a outras 25 actividades, incluídos os salóns de peiteados e artesáns.

Noticias web

25/03/2021