CRTVG

Buscar

O uso obrigatorio da máscara pon atrancos no deporte base

Publicado o 24/09/2020 14:17

Estas imaxes, cos rapaces adestrándose sen máscara, non se prevén repetir este ano. A obrigatoriedade do seu uso nos deportes de contacto, decretada polas autoridades sanitarias galegas, suscitou diversas reaccións entre os clubs deportivos de todo o país. De feito, moitos xa adiantaron que van renunciar a participar en competicións deportivas, tanto polo maior risco de contaxio como pola dificultade de xogar coa máscara posta.

Andrés Viqueira, presidente do Club Atlético Fátima de Santiago: "Se empezamos a adestrar, si, porque os nenos necesitan moverse, ter unha actividade, relacionarse cos compañeiros... Competir, decididamente non, porque é distinto. Pódese adestrar cunha certa seguridade, cumprindo unhas normas e uns protocolos, pero competir é outra historia. É un risco, un risco moi grande. Podes levar á casa un contaxio ou que os ocasione no traballo ou na familia. É un problema moi serio".

Arturo Pereiro, presidente do Hóckey Club Raxoi de Santiago: "En principio, a nosa actitude é a de facelo. Utilizar a máscara para tratar de saír adiante e darlle normalidade a unha situación que non sabemos por canto tempor vai estar aquí connosco".

Os partidarios de non competir sinalan outros factores para prescindir desta temporada. A exsudación e a chuvia, din, poden facer incompatible a práctica deportiva co uso da máscara.

Andrés Viqueira, presidente do Club Atlético Fátima de Santiago: "Non se pode facer un sobreesforzo como se fai en ocasións no fútbol cunha máscara posta. Unha, porque vas suala, vas mollala e non vai valer para nada. E outra, porque no inverno, cando chova a chuzos, a máscara, adeus".

As federacións deportivas buscan agora alternativas ao uso da máscara, un crebacabezas que polo momento queda sen resolver.

Noticias web

24/09/2020