CRTVG

Buscar

Disturbios en varias cidades francesas na xornada de protestas contra a reforma das pensións de Macron

Publicado o 05/12/2019 17:03

Mal día para moverse en tren por Francia. Só circulou un de cada dez. No metro de París foi aínda peor: das 16 liñas, 11 pararon por completo e 3 circularon con restricións. As dúas restantes, as únicas automatizadas, ían ateigadas. Cancelouse entre o 20 e 30% dos voos, deles 23 con orixe ou destino España.

Non abriron a maioría das escolas e institutos e moitos turistas quedaron sen subir á Torre Eiffel. Todo por unha folga contra a reforma das pensións que prepara o goberno de Emmanuel Macron: entre outras cousas, prevé acabar cos 42 réximes especiais que existen hoxe.

A perda de privilexios para transportistas, profesores e outros funcionarios púxoos en pé de guerra, a pesar de que o proxecto inclúe unha pensión mínima de 1.000 euros que beneficia os agricultores, os comerciantes e as mulleres.

En París, Lión ou Nantes, houbo enfrontamentos coa policía. En toda Francia manifestáronse case 300.000 cidadáns. Os sindicatos advirten que os paros continuarán.

 

 

Noticias web

05/12/2019